Se camiñas por algunha cidade española escoitarás diferentes acentos, moitos deles de Latinoamérica. Pero, que leva (ou levaba) aos máis novos do outro lado da charca a mercar un billete de avión, chegar a España e mudar completamente de vida?
Cando unha cociñeira ofreceu a Miguel (30 anos, cociñeiro) un traballo en España no 2008 non o pensou dúas veces: “a verdade é que sempre me sentín atraído por España e cando cheguei pensei en coñecer tódolos seus rincóns e aprender da súa gastronomía”, comenta o xove mexicano de Monterrey.
Víctor (28 anos, artista) veu a España en dúas ocasións, en 2007 e 2009, antes de quedarse definitivamente. “A segunda vez quedeime para realizar unha serie de proxectos artísticos que teño e que estou a levar a cabo cun amigo”, afirma mentres escribe unha mensaxe no seu móvil de última xeración.
A curiosidade tamén levou a Martín (27 anos, hostelaría) a cruzar o charco e comezar a súa aventura europea. No seu caso, uns amigos españois que coñeceu en México faláronlle da posibilidade de estudar un Máster de Enxeñaría e, frente a inexistencia de barreiras lingüísticas, decidiu matricularse na Universidade de Málaga.
Porén, as barreiras ás que se enfrentan estes tres mozos mexicanos son ben distintas. Miguel, que leva anos traballando en distintos restaurantes e especializouse en gastronomía mexicana, é rotundo cando fala da situación dos inmigrantes sen papeis en España: “enfrontámonos a moitas trabas e problemas constantemente e, por desgraza, estes problemas comezan nos consulados dos nosos propios países”, afirma.
Segundo un informe da Comisión Europea (CE) publicado o 3 de xuño de 2013, España é o segundo país da área sen fronteiras interiores Schengen, despois de Alemaña, onde se detectaron máis entradas de inmigrantes ilegais, con 1150 persoas entre o 22 de outubro e o 4 do novembro pasado.
Cando cruzan a frontera, a situación destas persoas muda radicalmente e a indefensión provocada pola falta de documentos xera claras violacións dos dereitos humanos. “Actualmente enfrontámonos a non poder ir ó médico se estás enfermo, non podes alugar un piso, nin ter un contrato de móbil e, dende logo, no ámbito laboral, moitísima xente non quere pagar unha multa altísima por darlle traballo a un “sen papeis”.
A situación sanitaria é especialmente sanguenta. Desprotexidos, sen acceso ao sistema sanitario español e enguedellados nunha madeixa legal que vulnera o dereito á saúde. Oitocentos setenta e tres mil inmigrantes en situación irregular enfróntanse a este desamparo legal dende que o Estado español retiráralles a tarxeta sanitaria en aplicación do Real Decreto do Goberno do 1 de setembro de 2012. A escusa oficial por parte do Executivo do Partido Popular foi “evitar a fraude na obtención da tarxeta sanitaria española” pero, así a todo, numerosos entes están a denunciar a situación.
A organización non gubernamental Amnistía Internacional é un deles. Fai uns meses presentou o estudo “O labirinto da exclusión sanitaria”, onde se analizan as dificultades que atopan os emigrantes á hora de acceder á atención sanitaria nas distintas comunidades autónomas.
“España non pode escudarse nas súas disposicións ou organizacións territoriais para incumplir as obrigacións adquiridas como Estado co respecto dos dereitos humanos”, reza o informe en relación á frecuente vulneración do dereito da saúde que recolle a Constitución e que lee María Antonio Alcaide, coordinadora de Amnistía Internacional Málaga.
A incerteza de ser repatriado
Para Martín, “a incerteza de ser repatriado” é o maior problema de ser un inmigrante ilegal en España. Recoñece que tivo sorte, xa que nunca se atopou nunha situación comprometida máis aló de “algún control da policía na estación de autobuses, cando o meu permiso de estudante estaba a piques de caducar”, explica.
Fai un ano, a Dirección Xeral da Policía emitiu unha instrucción na que expresamente prohibía aos seus axentes as redadas masivas e indiscriminadas de inmigrantes en situación irregular en toda España. Pero estas actuacións policiais séguense a producir ata o momento, tal e como constata o Defensor do Pobo e numerosas ONGs e colectivos.
Entre eles atópanse as Brigadas Veciñais de Observación dos Dereitos Humanos, cidadáns que se unen para facer roldas pacíficas e velar polos dereitos dos inmigrantes ilegais e denunciar redadas raciais realizadas pola policía. Na súa páxina web, as brigadas explican a súa función: “denunciamos os controis da frontera que existen en todo o Estado español: policías apostados en puntos estratéxicos e de uso cotián (estacións de metro, intercambiadores, autobuses, prazas, locutorios e portas de colexios), acosando, pedindo papeis, detendo a algúns vecinos en función da súa apariencia”.
De feito, “tramitar os permisos para regularizar a miña situación legal en España” foi o momento máis difícil para Martín, que finalmente conseguíu a documentación que lle permite legalmente traballar en España. No entanto, non todos os inmigrantes teñen a mesma sorte.
Según fontes oficiais da Dirección Xeral da Policía recopilados polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, o Ministerio do Interior fretou durante 2012 un total de 153 vóos de repatración de inmigrantes a través da Comisaría Xeral de Extranxería e Fronteiras e outros 13 en colaboración coa Axencia Europea de control das fronteiras exteriores (FRONTEX), cos que logrou a expulsión de 3251 estranxeiros.
“As repatriacións agora mesmo parécenme innecesarias. Creo que o mellor sería permitir a entrada a todo estranxeiro xa sexa para traballar, comezar un negocio ou vivir” esgrime Miguel, quen pensa que sen un incentivo para as empresas a xerar postos de traballo a Europa mediterránea non sairá da crise que atravesa desde 2008.
Miguel vai máis aló e fai un paralelismo coa situación no seu país: “o máis incomprensible, dende o meu punto de vista é saber que as grandes empresas en Latinoamérica normalmente son de europeos e, por suposto, isto paréceme moi inxusto”.
Pola súa parte, Víctor evalúa a situación actual e reflexiona sobre a importancia das expectativas individuais. “Creo que a maioría das persoas pensan que un país ou un sistema de goberno daralles éxito xa sexa laboral, económico, etc. e mellorará a súa calidade de vida. Ao escoitar que neste país hai crise compraron a idea de que xa se alcanzará dito éxito. Por exemplo, o cambio da moeda do seu país a euro parece unha boa opción, pero creo que tamén hai moita xente que sabe que isto non é así e que o éxito depende de cada persoa e debemos buscar vivir nun país que emocionalmente nos axude a ter dito éxito persoal”.
[crp]
Comentarios Recentes