Falamos con Andrey Glushkó –quen mudouse a España para vivir en “liberdade”-, a súa amiga Anastasiya Belickaya, a xove politóloga Nina Ivanova e o corresponsal en Moscú do diario español El Mundo para descubrir por que o 74 por cento dos rusos non acepta socialmente a homosexualidade.
Rusia e España encóntranse nos extremos xeográficos de Europa: norte-sur, leste-oeste. Rusia comparte fronteira con Asia, España con África. Unha enorme separación xeográfica que non evitou unha fluída relación entre os dous países.
Porén, a pesares dos puntos en común, entre ambos Estados pódense atopar grandes diferenzas sociopolíticas, como a que sacou a relucir o centro Pew Research formulando unha simple pregunta: “Debería a sociedade aceptar a homosexualidade?”. O 88 por cento dos españois contestaron que “si” -a cifra máis alta de todo o mundo-, o 74 por cento dos rusos respondeu que “no” -a cifra máis baixa de Europa-.
Os datos suxeridos por este estudo tiveron correspondencia a nivel lexislativo en ambos países. En España as parellas homosexuais poden casar, en igualdade de condiciones e dereitos, dende o ano 2005. En Rusia, pola súa parte, non están lexisladas as unións entre parellas do mesmo sexo nin existe ningunha lei, segundo , contra a discriminación no relativo á orientación sexual.
Ademais, recentemente aprobouse en Rusia unha lei de rango nacional que permite sancionar a quen difunda entre os menores “orientacións sexuais non tradicionais” ou “a idea de que as orientacións sexuais tradicionais e non tradicionais teñen igual valor social”.
“Aínda a lei aparece enunciada coma unha ferramenta para manter o mensaxe dos gais lonxe dos nenos, na práctica suponse que os homosexuais non poderán organizar actos nin protestas en público, nin tampouco utilizar os medios de comunicación…”. Así interpreta esta lei Xavier Colás, corresponsal de El Mundo en Moscú, ao que entrevistamos para esta reportaxe.
Tras todas estas enquisas e leis hai persoas e matices. En Meeting Halfway quixemos elaborar unha entrevista poliédrica con catro puntos de vista sobre un mesmo asunto. Andrey Glushkó -deixou Rusia a causa da súa homosexualidade-, Anastasiya Belickaya -”non creo que todos os gais sexan gais por natureza”-, a xove politóloga Nina Ivanova -”os gais mozos en Rusia teñen que esconder as súas preferencias sexuais, de outra forma, poderían ser atacados por ‘hooligans’”- e o corresponsal en Moscú do diario español El Mundo, Xavier Colás -”existe unha manía en Rusia de vincular ós gais coa pedofilia. Iso complica o debate.”-.
Entrevista a Andrey Glushkó
Andrey Glushkó naceu fai 26 anos en Krasnodar, unha cidade de un millón de habitantes no sur de Rusia, cerca do Cáucaso. Estudou Economía en Pyatigorsk e accedeu a contarnos por que decidiu marchar da súa terra para se instalar en Madrid.
Cómo era a túa vida en Rusia?
Eu estaba encantado, gústame a historia rusa, a súa cultura, a súa literatura, a súa pintura… O tema cultural do meu país encántame, pero a vida non está moi ben, sobre todo para os homosexuais. Si es GAAAYYY e queres levar unha vida normal, tranquila, e no futuro queres unha familia, non terás a liberdade, non terás nunca unha vida tranquila, unha vida básica, unha vida máis ou menos normal.
Por que te fuches?
A cuestión está en que en Rusia vai todo un pouco máis rápido e cando tes 22 años suponse que xa es unha persoa maior, estable e asentada, polo que cando chegas a esa idade, a xente veche raro se non tes muller e fillos. Eu xa chegara aos 22 alí, acabara a carreira, tiña traballo e todo ía ben, ata que me din de conta de que a máis non podía chegar. Non podía ter parella ou unha familia, polo que chocaban dous mundos, o laboral e o persoal. Tiña que decidir se quería quedarme facendo a miña vida dentro do “normal”, ou irme e buscar a miña vida fóra dende cero. E eu decidín mellor comezar dende cero porque… Alí non tiña nada. No meu entorno en Rusia nin se falaba da homosexualidade, eu tiven un círculo pequeno de amigos gais pero era todo moi clandestino. Así que deixeino todo, díxenlle á miña familia que me quería ir para estudar fóra, esa foi a única razón que lle dixen aos meus pais. O meu pai segue pensando que estou aquí por razóns culturais, porque os meus pais non saben que son gai e en principio non o saberán. A miña irmá sábeo porque dixenllo fai un ano.
Que tal en España, estás a gusto?
Sí, eu estou encantado, adoro España, é o meu segundo país. O que pasa é que aquí é moi difícil sobrevivir só, porque os españois sodes un pouco… Sodes abertos pero non é tan doado facerse amigo dun español. Todos falan e preguntan “que tal e non sei que e non sei cantos”, pero logo todo o mundo pasa. Os españois sodes moi sociais ata certo punto, logo xa non sodes tan sociais. Pero eu síntome moi cómodo en España, viviría aquí toda a miña vida. Viaxei moito por Europa e é o país que máis me gusta. Síntome moito máis protexido que cando estaba no meu propio pais.
Sentías que os datos das enquisas, os que din que a maioría dos rusos non son tolerantes coa homosexualidade, tiñan a súa correspondencia no teu día a día?
Eu non vin casos de agresión en Rusia, porque en realidade era como se a homosexualidade non existira. Agora fálase máis disto co novo goberno de Putin. Non sei por que están tratando tanto este tema, quizais para desviar a atención doutros casos graves na política. A cuestión é que agora estase a falar cada día dos gais e a dicir que a homosexualidade é mala, e ao final a xente acaba créndoo. De feito, cando se aprobou a lei contra a propaganda homosexual o meu pai chamoume para dicirme o contento que se puxera. Hai incluso un partido que abertamente fai propaganda a favor de matar aos gais na plaza Roxa. Hai xente á que se lle vai a olla un pouquiño…
Nos tempos da URSS, a homosexualidade estaba considerada unha enfermidade. Avanzouse algo nestos anos?
De feito por aquel entonces levábante ao cárcere. Na actualidade o máis feo de todo é que estano a mesturar… Porque a lei que aprobaron fai pouco tempo tamén se chama “prohibición da propaganda da homosexualidade e da pedofilia”. Como se fora unha mesma cousa. O problema é que na lingua rusa, entre a palabra “marica” e “pedófilo” non hai moita diferencia cando as escoitas, así que moita xente cre que o normal é iso, que un pedófilo e un homosexual son o mesmo.
Esta lei, que prohíbe facer propaganda da homosexualidade, foi aprobada por case todos os votos do parlamento, non hai ningún partido que sexa tolerante?
Hai algún círculo de políticos que son abertamente gais e que loitan polos nosos dereitos. De todos os xeitos, todo este tema de que a Rusia é un país democrático… Non o é, Rusia non é un país democrático, péganos máis ser unha ditadura ou algo así. Estamos volvendo atrás.
As decisións que está tomando Rusia neste campo están afectando outros países. En España, por exemplo, paralizáronse as adopcións de nenos rusos ata que as autoridades españolas poidan demostrar que eses nenos non van acabar cunha persoa homosexual.
En Rusia hai moitísimos nenos que non teñen a ninguén, moitísimos. Eu asistín a un colexio que tamén acollía a nenos orfos ou abandonados. Vin como é a vida alí, intentando sobrevivir. Por iso creo que sempre será mellor que ese neno teña unha nai ou alguén que lle coide a que estea alí só e nunhas circunstancias tan malas. Pero o que está facendo o goberno ruso é dicir que os homosexuais non poden nin tocar aos nenos nin falar con eles porque se lles vai a pegar a enfermidade. [http://www.hrw.org/news/2013/09/13/anti-gay-law-shames-putin-s-russia]
Por que cres que está a pasar isto en Rusia?
En primeiro lugar creo que é porque a relixión ortodoxa é das máis estritas que hai neste aspecto, é máis estrita que o catolicismo. O segundo, creo que é por Stalin, porque foi o que sacou a primeira lei contra a homosexualidade, e aínda hai moita xente coa mentalidade comunista. Vanse acumulando cousas.
No caso de España, que haxa unha gran porcentaxe de persoas católicas non chocou con que tamén estea amplamente aceptada a homosexualidade…
Pero aquí en España a xente homosexual non o aprecia.
Non aprecian a liberdade que teñen?
Non. Acostumáronse a vivir ben e tranquilos. E eu tamén me acostumei, pero cando veñen algúns amigos meus a visitarme a Madrid, quedan abraiados. Vas pola rúa e pensas: “¿de verdade pódese chegar a un nivel tan extremo?”. Ás veces incluso aquí esaxérase un pouquiño. Para min o importante é poder vivir tranquilo e en liberdade.
Chegamos ao final da entrevista. A última pregunta é se queres aparecer co teu nome ou prefires que escribamos un pseudónimo.
Pon o meu nome, non hai nada que ocultar.
Entrevista a Anastasiya Belickaya
Anastasiya Belickaya vive en San Petersburgo e é amiga íntima de Andrey Glushkó. Terminou a súa declaración vía email cunha desculpa: “perdoa se ferín os sentimentos de alguén”.
“Eu creo no verdadeiro amor homosexual PERO no mundo real, non creo que todos os gais sexan gais por natureza, algúns deles simplemente se deixan influír polas modas ou as profesión artísticas, ou sinxelamente están a intentar algo novo. Coñecín este tipo de persoas e non comparto a súa forma de vida. Por outro lado, todas as persoas no mundo son por natureza heterosexuais: eu, ti, todo o mundo. Pero todo estamos cheos de debilidades e desexos. Algúns homes elixirán a forma tradicional de relacións, outros –e quizáis isto soe moi “relixioso”- non poderán facer fronte ás confortacións internas que temos dentro y elixirán as relacións homosexuais.
É moi difícil para min escribirche sobre este tema a ti, un home que vive en España, un país cunha filosofía e unha mentalidade completamente diferentes ás de Rusia. A nosa percepción deste asunto está ligada á nosa historia e a homosexualidade aquí non é a forma típica de se relacionar. E non quero que os meus fillos, o meu pai ou a miña avoa vexan na rúa a gais acaramelados, quenes deberían ser por natureza o símbolo da valentía, a seguridade, a forza.
En canto ás manifestacións públicas, estou en contra dos shows “pornográficos”, se os gais queren vivir unha vida normal, deberían deixar de impoñer este tema a todo o mundo. Entendo que isto é importante para protexer a forma de vida dos gais e comprendo que viven día a día baixo presión psicolóxica. Teño moitos amigos gais e non falo deles sobre a homosexualidade, porque simplemente os trato coma o resto dos amigos, sen ningún tipo de distinción.”
Entrevista a Nina Ivanova
Nina Ivanova -quen prefire aparecer baixo pseudónimo- ten 23 anos, estudou Relacións Internacionais e Estudos Rexionais e actualmente vive en Ekaterimburgo, a capital do distrito federal dos Urais. Ofreceunos a súa visión persoal sobre a aprobación da lei contra a propaganda a menores das relacións “non tradicionais”.
“Creo que as orientacións sexuais son un asunto privado na vida das persoas. Cada individuo debe decidir por si mesmo. Pero esta persoa non debe facer que outros elixan o mesmo -ser lesbiana ou gai-. Por outro lado, a sociedade non debería facer presión aos homosexuais por mor da súa orientación. En Rusia a xente é normalmente moi conservadora á hora de aceptar a homosexualidade dos que viven ao seu redor. Os mozos gais teñen que esconder as súas preferencias sexuais. Doutra forma, poderían ser atacados por ‘hooligans’ ou agredidos pola xente. Isto é triste.
Creo que a maioría dos meus amigos comparten a miña opinión. Vivimos nunha gran cidade, viaxamos moito e entendemos que debemos ser tolerantes e respectuosos cos demais -sen importar a súa relixión, idade, nacionalidade ou orientación sexual-. Porén, cando os homosexuais demostran os seus sentimentos -bicos íntimos ou abrazos- en espazos moi moi abertos, non me sinto cómoda, porque iso forma parte da vida privada.
Ademais, escoitei a seguinte opinión: este problema non é moi importante. A xente está a prestar moita atención ao tema LGTB. Pero en Rusia hai problemas sociais mais significativos como, por exemplo, persoas esperando durante moitos anos a obter unha vacante na gardería, etc.”
Entrevista a Xavier Colás: corresponsal de El Mundo en Moscú
Xavier Colás é o corresponsal en Moscú de El Mundo, un dos xornais de información xeral máis vendidos en España. Ocupa o posto dende xaneiro de 2012. Antes diso, tamén viviu en San Petersburgo, onde chegou como estudante.
Por que cres que a homosexualidade non está tan aceptada en Rusia?
Creo que en Rusia hai unha falta de empatía tremenda, unha sociedade civil moi débil, case inexistente. En España tampouco nos apaixonaban fai 30 anos, pero había un certo respecto cara o que non se entendía e co paso do tempo escoitouse a esa comunidade ata chegar a sentirnos fachendosos dela. Para Rusia é máis difícil escoitar porque está insegura por culpa da crise da identidade. Ademais de todo isto, é unha sociedade moi tradicional en algúns ámbitos (sen feminismo, nin ecoloxismo, ni asociacionismo) aínda que moi liberal e aberta noutros (divorcio, sexo, internet). Existe unha manía aquí de vincular aos gais coa pedofilia. Iso complica o debate. [http://www.elmundo.es/elmundo/2013/06/11/internacional/1370958773.html]
Cres que esta intolerancia está más relacionada coa homofobia ou con algo cultural?
Por parte do Gobierno hai un rexeitamento aos gais organizados, non aos que fornican na sombra. O Kremlin non quere gais queixándose, falando en inglés cos medios, reclamando visibilidade, romper a paisaxe. Os rusos, por outro lado, son tradicionais e o saben. Pensan de verdade que os gais teñen un problema ou que pervertirán a sociedade. Non saben o que din. Pero non o saben porque non escoitan e porque moitos non falan. E moitos non falan, e seguen na sombra, por todo o anterior que expresei. O problema non é tanto que haxa prexuízos (houboos e hainos en todas partes) senón que hai pouca masa crítica que faga fronte a eses prexuízos. E a desconfianza cara o exterior (Rusia vese coma un continente cercado) fai complicado que a solución veña de fóra.
Presenciaches algunha manifestación pro ou contra os homosexuais? Que ambiente se respira?
Si. O ambiente é tenso e acude xente moi bruta a insultar. O que máis chama de Rusia é que haxa tan pouca xente non gai disposta a se pór no lado dos gais para protestar e defendelos. Unha cousa que a xente non sabe é que moitos feridos dos que se informa son antigais. Os gais aquí pelexan bastante, e cando lles chaman “pedófilos” oito veces seguidas dende o outro lado da praza, cruzan o cordón policial (pegando a un policía) e encáranse cos antigai (pegando a un ou dous antigais) e logo voltan á súa manifa (empurrando a dous policías). Unha vez foi a unha manifestación de gais e non veu de ninguén. So a policía e eu. É frecuente ver bandeiras gais en manifestacións da oposición extrapalamentaria. Aínda os líderes extraparlamentarios (e os parlamentarios nin che conto) eluden sacalos á palestra. É como se lle preguntas a Rubalcaba pola marihuana. Actualmente as manifestacións gais están prohibidas. A lei “contra a propaganda gai entre menores” é un truco. En realidade hai menores en todas partes, así que non pode un manifestar que é gai nin sobre o lago Baikal a menos 40 grados en inverno. Rusia coseu a boca aos gais.
Cres que a situación pode mellorar no futuro?
Sen dúbida. Os gais gañarán a batalla aquí igual que o fixeron en España. Será algo parecido ao proceso que se viviu nos EEUU nos 60. Duro, pero constante. A sociedade rusa non funciona ao ditado do Goberno. Están dispostos a padecer ao Goberno, pero non o seguirán sempre.
Ves ás novas xeracións máis tolerantes?
Non os vexo máis tolerantes pero si máis receptivos. Máis fáciles de convencer. Están máis á intemperie. E son menos obedientes. Hai una diferenza enorme entre Moscú/San Petersburgo e o resto da Rusia. En provincias a situación é complexa porque os gais vense atacados impunemente por bandas de canallas locais. Na capital a frustración é como colectivo, xa que no plano persoal os gais fan o que queren (en privado, claro).
Interésame especialmente coñecer a túa percepción persoal sobre o que está ocorrendo.
Fai un ano estiven falando con dúas rusas (con mozo) nunha festa. Saqueilles o tema gai. Ambas evitaron condenalos, pero non puido saírlles un ton máis pexorativo. Todo eran frases en plan: “Non, se eu non teño nada contra eles, a min non me fixeron nada, eles son así e non poden cambialo, non debemos facerlles dano”. Compadecíanos. Aos poucos meses repetiuse a festa. Acudiu un corresponsal gai, colega meu. Non era nada feo, e enriba viña dun país latinoamericano, era moi simpático, falaba ruso moi ben, cadraba nas rodas de mozos e mozas, lembraba o nome de todas e dicíalles piropos a cada unha. Traía consigo ao seu mozo, ruso, un guaperas máis calado. Estaban as mesmas dúas mozas. Quedaron completamente encantadas cos dous, pois ambos estaban moi por enriba da media de mozos rusos en moitas cousas. Terían querido que o froiteiro, que o seu xefe, que o seu compañeiro de traballo fosen coma o meu colega. Para rematar, fai unha semana houbo outra festa. Volveu pasar o mesmo: unha parella gai, español e ruso, ambos monitores de ximnasio e baile. Simpáticos, con carisma. Elas non se separaron deles dous, pero esta vez agregáronos ao Facebook e queren invitalos ao seu aniversario “Son xeniais! Que riquiños! “. Nin rastro dos “pedófilos”. O discurso de que os gais son uns tarados, porcos, pedófilos e pervertidos é fácil de manter se non lles deixas mostrarse como son. Pero en canto entran en escea, a farsa queda desmontada, tamén en Rusia. E ao caer a farsa de que son un refugallo, cae o resto da historia. Como heterosexual, sempre me desgustara a “festa do orgullo gai”. Orgullo de que? Ser gai non ten ningún mérito. Pero en Rusia aprendín que, aínda que non ten ningún mérito, o orgullo é fundamental contra determinados acosos. Nesta guerra homófoba, o primeiro que perderán os rusos serán as mozas. Como ocorreu con estas dúas. Elas van sempre por diante. Cando perdan ás mozas, os homófobos terán perdida a guerra.
[crp]
Comentarios Recentes