As feridas abertas da Bosnia-Herzegovina

As consecuencias da guerra en Bosnia non remataron: “a maioría dos mozos bosnios queremos marchar”. Alma, Anela e Srđan cóntannos a realidade dun país todavía dividido. Os expertos explícannos que pasou.

Ignacio Urquijo Sánchez / 28.8.2013

Uns familiares enterran ao seu ser querido, identificado en xullo do 2010, quince anos despois de que fora asasinado na Srebrenica, Bosnia-Herzegovina (autor: Alfons Rodríguez)
©Alfons Rodríguez

“Chegaban os féretros a centos. A nave enteira era un espazo de morte e bágoas. Eu observaba todo en silencio. Andaba amodo dun sitio a outro, co corazón nun puño. Vin á familia chorar ao seu ser querido, levantei a cámara e fixen varios disparos”.

Así conta a escena que preside esta reportaxe Alfons Rodríguez, un fotoperiodista español que cubriu os conflitos no Congo e en Irak para medios como Geo Magazine. Nesta ocasión, Rodríguez atopábase en Bosnia-Herzegovina fotografando o momento no que unha familia enterraba o seu achegado, quince anos depois de que o asasinaran en Srebrenica. A foto foi tomada no 2010, pero podería terse repetido este mesmo ano. Aínda quedan 2000 vítimas que esperan unha identificación e un enterro.

Srebrenica é, na actualidade, unha pequena localidade situada ao este da entidade da República de Srpska. Esta entidade, de maioría serbia, é unha das dúas rexións que conforman o Estado de Bosnia-Herzegovina, a outra metade chámase tamén federación de Bosnia-Herzegovina e conviven maioritariamente bosnios e bosniocroatas. Bosnia é, polo tanto, un Estado descentralizado con dúas entidades políticas e tres nacionalidades.

Antes da guerra acontecida nos anos 90 non había entidades con siglas nin territorios con nomes duplicados. Ata o ano 1992 Bosnia-Herzegovina todavía era unha das seis repúblicas que, sumadas a dous territorios autónomos, formaban o conxunto da República Federal Socialista de Iugoslavia.

Os cementos que sostiñan a Iugoslavia recaían en tres pilares: o mariscal Josip Broz ‘Tito’ como xefe do Estado, a Liga Comunista como ferramenta de control político e o exército federal como instrumento de disuasión ante disensións internas ou inxerencias externas. Trala morte de Tito no ano 1980, o resto dos pilares foron caendo coma un castelo de naipes. O proceso de desintegración deixou cinco guerras entre 1991 e 2001.

Kosovo, territorio cuxa independencia foi recoñecida polos Estados Unidos ou Francia pero non por España ou Serbia, demostra que o proceso todavía non está fechado. Bosnia-Herzegovina, cun Estado paralizado entre entidades políticas, presidencias rotativas e unha tasa de paro do 45 por cento, corrobórao.

¿Que pasou?

FOTO 2: Vista panorámica de Saraxevo, nunha foto recente (autora: Alma Telibecirevic)
© Alma Telibecirevic

 Recén estreada a primavera de 1991, Slobodan Milošević, presidente de Serbia, e Franjo Tudjman, o seu homólogo croata, reuníronse na antiga casa de campo de Tito. Era un encontro secreto, ninguén podía saber que estaban a piques de repartirse un país que non era seu, Bosnia-Herzegovina. A escusa: entre os máis de catro millóns de habitantes de Bosnia, o 31.3 por cento eran serbobosnios e o 17.3 bosniocroatas. A maioría, cun 43.7 por cento, era de orixe musulmá, tamén coñecidos como bosniacos. Ningún goberno occidental pareceu interesarse por estes plans.

Milošević, explicou aos serbios repartidos por Iugoslavia que anhelaba a gran Serbia. Ese foi o pretexto que utilizou para manterse no poder. Porén, en canto puido desentendeuse dos serbios de Krajina, un territorio en zona croata. Milošević, en realidade, anhelaba un gran Milošević. Tudjman buscaba algo semellante.

Con Tito falecido e os líderes eslovenos abandonando a Liga Comunista, case non quedaban pilares que sostiveran o Estado iugoslavo. Aínda máis, o derradeiro pilar, o exército federal, mostrouse ineficiente no primeiro conflito con Eslovenia. Este exército, cuxa cúpula formada na súa maioría por serbios, contaba na súa base con cidadáns de tódalas nacionalidades iugoslavas, coas consecuencias que isto pode supoñer á hora de mobilizar a croatas e eslovenos contra o seus propios pobos. Nun momento no que a URSS languidecía e a Iugoslavia achábase sen pilares cohesionadores, a maioría de líderes políticos das repúblicas iugoslavas adoptaron unha estratexia sinxela: suxeitarse ao nacionalismo para manterse no poder e incitar o odio ao veciño para gañar votos.

“Coma en moitos outros estados cunha historia tan prolífica, Iugoslavia tamén tiña un pasado no que algúns grupos -non sempre étnicos- enfrentáranse violentamente. Polo tanto, era sinxelo instrumentalizar, por parte dos políticos, certos sentimentos de rexeitamento e mesmo odio étnico apelando ao pasado. Desta forma podían manter o control político da súa república, rexión, provincia… É dicir, sustituíron unha ideoloxía -na que todos participaban- que era o comunismo, por outra ideoloxía -que é o nacionalimo- co obxectivo de perpetuarse no poder, baseando a súa superioridade en mecanismos de maiorías e minorías, moi arbitrarios e con pouco contido identitario”. Así explica a deriva dos anos 90 María José Pérez del Pozo, doutora en Ciencias da Información e mestra de Relacións Internacionais de Europa Central e Oriental na Unviersidade Complutense de Madrid.

“A orixe e a deriva fundamental das guerras foi político-étnica máis que relixiosa. Insisto: as vellas elites comunistas perpetuáronse no poder nas distintas repúblicas utilizando un novo discurso nacionalista. Ese era o obxectivo. No caso dos proxectos estatais con base étnica, coma en Croacia ou Serbia, utilizouse tamén o compoñente étnico para ‘territorializar’ o conflito e xustificar a limpeza étnica”, determina Pérez del Pozo.

As guerras cubriron a práctica totalidade da década dos 90 e chapicaron a todas as repúblicas da antiga república federal socialista. Bosnia, un dos países máis pobres da rexión, levou a peor parte.

A guerra en Bosnia-Herzegovina foi unha absoluta embrolla na que os exércitos de tres nacionalidades misturáronse con paramilitares, voluntarios da extrema dereita, muyahidines, comunistas, grupos mafiosos e, en última instancia, a OTAN. Se existiu un inferno na terra nos últimos anos, ese foi Saraxevo, capital de Bosnia, onde os francotiradores sumaban máis puntos se ao que mataban era un neno.

Nestas circunstancias, o 11 de Xullo de 1995 as tropas dirixidas polo xeneral serbobosnio Ratko Mladić entraron en Srebrenica, un enclave que fora declarado polas Nacións Unidas como “seguro” e que se atopába baixo a protección de 400 cascos azuis holandeses. O seu estatus de zona segura atraeu a máis de 60000 civís que fuxían do conflito. En menos de dez días as tropas de Mladić asasinaron a máis de 8000 persoas nunha operación de limpeza étnica.

A guerra durou en Bosnia algo máis de tres anos. Rematou en 1995 provocando 100000 víticmas (as cifras oscilan entre 25000 e 330000, dependendo da fonte á que se acoda). Uns 1.8 millóns de persoas convertíronse en desprazadas ou refuxiadas.
A diplomacia americana, despois de varias tentativas europeas, conseguiu que as partes implicadas firmaran en Dayton, Estados Unidos, o final da guerra en Bosnia-Herzegovina. Laja Destremau, politóloga do King’s College de Londres e especializada no conflito bosnio, explica así os acordos de Dayton: “foron a única solución posible para poñer fin ao baño de sangue en Bosnia. O sistema político e o Estado que implantou é, no entanto, completamente inviable. Hai tres presidente (un serbio, un croata e un bosníaco) que se turnan cada oito meses, o cal obviamente provocou un colapso político. Non é posible facer reformas. Ademáis, isto reforza os sentimentos nacionalistas que xa están de feito moi presentes. O sistema está baseado nunha separación étnica (os nenos nas escolas están divididos, o exército da lei non trata a todos los cidadáns por igual… Por exemplo: só as persoas que procedan dunha destas tres etnias poden presentarse ás eleccións). A paralización administrativa non fomenta que os políticos leven a cabo reformas longamente agardadas, coma as constitucionais. Reformar a Constitución requeriría que estes políticos renunciaran a algo do seu poder. Polo tanto os acordos de Dayton foron necesarios no seu momento e probablemente supuxeron a única solución posible, pero actualmente son en parte responsables da paralización política na que vive Bosnia”.

“A pesares de que as tensións podense sentir nalgunhas ocasións, sería moi raro que surdira a violencia”, prosigue Destremau, “o futuro da rexión está ligado á Unión Europea e realizáronse moitos progresos no país. Non obstante, para acadar a reconciliación plena necesitaranse décadas. A Unión Europea non pode demandar aos bosníacos que convivan felizmente despois do que pasou nos 90. Conseguir unha situación estable xa é un primeiro paso”.

Hai aspectos que Dayton non puido solucionar. “Pódense mencionar as tensións diarias entre comunidades. Por exemplo, apenas hai matrimonios mixtos entre diferentes nacionalidades, o cal era moi común antes da guerra”, certifica Destremau, que lembra que “se a guerra é unha continuación da política por outros medios, o oposto tamén é certo”.

¿Que está pasando?

FOTO 3: Alma Telibecirevic (autor: Vanja Cerimagic)
© Vanja Cerimagic

En Berlín, dende hai uns anos, resulta sinxelo atopar festas nas que se pincha música balcánica. Non se trata de folclore ó uso, senón de música electrónica. Os pinchadiscos seleccionan ‘samplers’ con ritmos dos Balcáns e os empregan para crear cancións sen fin que se bailan frenéticamente e sempre nun in crescendo continuo. Os mozos alemáns, así coma o resto de nacionalidades que poblan o heteroxéneo Berlín, aceptárono como propio e xa non é raro atopar festas adicadas en exclusiva a este tipo de música. Tampouco resulta estrano a ninguén que no pleno centro de Berlín haxa unha discoteca chamada como a capital da república de Srpska: Banja Luka.

Tanta influencia balcánica pode deberse a que durante os anos 90 Alemaña foi o país que máis esforzos fixo á hora de acoller refuxiados de guerra de Bosnia. En total, 320000 persoas procedentes deste país accederon á Alemaña fuxindo do conflito. Moitos deles, como Anela Alić, eran só uns nenos: “Nacín en Saraxevo e vivín alí ata que comezou a guerra. Xusto nese momento miña nai e máis eu, todavía coma bebé, atopábamonos en Gorazde, a cidade natal da miña nai. Deixamos Gorazde e mudámonos a Constanza, en Alemaña”. Viviu en Alemaña ata que cumpliu sete anos, momento no que a súa familia decidiu voltar a Saraxevo. Ao cabo de pouco tempo, tiveron que mudar de novo de cidade: “nin miña nai nin meu pai foron capaces de atopar un traballo en Saraxevo, así que miña nai decidiu buscar na súa cidade natal. Mudámonos xuntas e logo viñeron meu pai e meu irmán. Vivín en Gorazde durante oito anos”.

A Anela todavía esperábanlle algúns cambios máis: “no meu segundo ano de instituto solicitei entrar no centro ‘United World College’ de Mostar, unha poboación de Bosnia-Herzegovina onde pasei dous anos da miña vida. Despois de graduarme decidín marchar onde a maioría dos meus amigos estaban indo, Estados Unidos. Nunca o pensara e non me atraía a idea, pero as circunstancias en Europa e outras cuestións escolares leváronme a vivir en Maryland. Pasaron xa tres anos dende que me mudei aos Estados Unidos”.

Anela ten agora 21 anos e poderíase confundir con calquera estudante americana da súa idade. Todo parece felizmente normal na súa vida ata que se lle pregunta como lle afectou a guerra: “a agresión en Bosnia afectoume doblemente. Por un lado tiven que pasar a maioría da miña infancia en Alemaña, lonxe da miña familia e do meu pai, que permaneceu en Saraxevo. Por outro lado, meu avó foi asasinado en Gorazde e eu nunca tiven a oportunidade de coñecelo. Son afortunada de que non lle ocorreu nada máis a outro membro da familia”. A pesares da distancia e do feito de que estuda Artes, Anela non se despreocupou das cuestión políticas da súa terra. “Como filla de dous iugoslavos que nunca prestaron atención ao nome ou á relixión da xente, fun educada nunha familia antinacionalista. Meu pai e miña nai viviron no mesmo edificio xunto con serbios, croatas, xudeus e musulmáns. Fun moi inxenua ao pensar que o resentimento desaparecera e que non existía. Cando marchei ao instituto en Mostar e vivín con nenos que procedían de zonas onde só había croatas ou serbios, dinme conta de que a ira existía. Nunca entre os meus amigos e máis eu, pero podía ver a rabia dende diferentes ángulos. Conforme me vou facendo maior podo ver multitude de persoas dos tres grupos que sempre estarán frustradas e enfadadas. Quen non o estaría? Ningún de nós vive ben; a República da Srpska, a Federación de Bosnia e a zona croata viven baixo as mesmas dificultades. Non hai traballo, a economía e a agricultura están baixo unhas circunstancias terribles. Ademáis, temos tres presidentes e ninguén está satisfeito con eles. A división en Bosnia-Herzegovina, na República da Srpska e na Federación da Bosnia demostra canto rancor hai entre a poboación”.

Anela pensa que a división de Bosnia en dous entidades políticas “foi a única boa solución para ámbalas partes en 1995”, pero duda que sexa boa agora. “Está segregándonos máis e máis. Os políticos serbobosnios queren separarse do país, por iso a nosa educación, economía, política e todo o demáis son diferentes nas dúas partes. Os nenos da República de Srpska non teñen nin idea do que está a ocurrir na Federación, e viceversa. Teño a sensación de que estamos educando ás novas xeracións no odio e na división”.

Srđan Beronja ten 22 anos e procede do lado serbio de Bosnia. Durante a súa infancia tivo que mudarse xunto coa súa familia varias veces dentro da rexión para evitar a zona de conflito, ata establecerse en Banja Luka, cidade na que viviu ata o ano 2010. Dende entón atópase nos Estados Unidos, estudando Relacións Internacionais e Economía na Universidade de Brown. Srđan, que responde ás preguntas nun correcto castelán, coincide con Anela na actual ineficiencia da división política do país: “penso que a solución de dividir Bosnia en dúas entidades políticas foi positiva nese momento, para parar o conflito, pero agora é un pouco redundante, porque fai ao goberno demasiado ineficiente. Agora paréceme coma un xogo político, que exacerba as divisións, en lugar de intentar resolvelas e traballar en estratexias económicas positivas. O goberno sempre usou os nacionalimos e as divisións políticas, de modo que as persoas concéntranse niso e esquécense dos fracasos económicos constantes que o actual goberno fixo”.

Srđan tamén atopa problemas noutros niveis: “desafortunadamente, moitos mozos parecen nacionalistas hoxe en día, sen realmente entender o porqué e sen boas razóns, aínda moito menos ca antes. Iso ocorre máis a miúdo nas comunidades máis pequenas, cerradas. Gracias ás viaxes, os eventos mutuos, Internet, o sentido común e algunhas escolas, como por exemplo o ‘United World College’ de Mostar, isto está mellorando”.

Porén, a experiencia do ‘United World College’ non predomina en Bosnia. Como lembra Alma Telibecirevic, o normal é que haxa “dous colexios baixo un mesmo teito”. Unha parte para os nenos serbios e outra para os croatas e bosníacos. Para Alma as consecuencias do conflito “non están para nada pechadas”. Bosnia-Herzegovina, dende o seu punto de vista, todavía “está moi dividida e calquera pode sentir iso no ambiente”.

Alma apenas era unha adolescente cando comezou a guerra. Naceu en Saraxevo no ano 1978 e lembra a cidade da súa nenez coma “una localidade moi hippie, chea de música e bo ambiente. Eu era pequena pero lémbrome dos Xogos Olímpicos do 84 e toda aquela atmosfera”. A zona da cidade na que ela vivía foi ocupada e a súa familia tivo que marchar, “así que deixamos todas a nosas cousas atrás e convertémonos en refuxiados. Meu pai foi asasinado por un francotirador a finais de 1992. Eu tiña entón 14 anos”.

Alma, artista e cunha larga experiencia organizando festivais e proxectos culturais, segue namorada da cidade: “Saraxevo é unha das cidades máis bonitas do mundo. Non é nin grande nin pequena, ten o espazo suficiente para levar unha vida decente. Hai unha mistura do oeste e do leste, de feito moita xente chámaa “a Xerusalén europea”, xa que nun barrio de 500 metros podes atopar templos ortodoxos, católicos, xudeus e musulmáns. A comida é xenial e a xente é moi amigable”.
A pesares de toda esta riqueza cultural, Alma sinala que “moita xente nova quere marchar”. A razón: “parece que a situación en Bosnia-Herzegovina nunca foi pero… A porcentaxe de poboación que non ten traballo é altísimo. A Unión Europea dixo que non estamos facendo ningún progreso e están cortando as axudas. Ninguén inviste aquí. É un país enormemente corrupto, moi dividido e, de acordo cos estudos, caímos ao derradeiro posto en desenvolvemento económico de Europa. A maioría dos mozos bosnios queren marchar, incluída eu, se vexo unha oportunidade”.

Anela, pola súa parte, só atopa unha solución: “a clave está na educación dos nosos fillos, propulsar os valores morais e os aspectos positivos, deixando a un lado o odio entre os diferentes grupos étnicos. O noso país é moi xove e pasou relativamente pouco tempo dende que a guerra terminou, polo que é comprensible que haxa xente que aínda estea doente e non queira cooperar, por iso necesitamos traballar no noso futuro e nas xeracións que virán”.

AGRADECEMENTOS:

Querería agradecer a Alic Anela, Srđan Beronja, Emir Bihorac, Laja Destremau, Una Hajdari, Maria Hardt, Enesa Mahmic, Cristina Marí, Milena Nikolic, Nada Nowicka, María José Pérez, Alfons Rodríguez, Gervasio Sánchez, Xavier Servitja y Alma Telibecirevic por teren a inmensa amabilidade de contarme a súa visión sobre os acontecementos ou por axudarme a poñerme en contacto coas persoas adecuadas. Algunhas declaracións non puideron ser incluidas por razóns de espazo e concisión; non obstante, sen a súa axuda non podería conseguir o que intentei fazer: un retrato da actual e complexa situación da marabillosa Bosnia-Herzegovina, así como un alegato ao sensentido da guerra.

[crp]

Autor

J. Ignacio Urquijo Sánchez (España)

Estudos: Xornalismo e Relacións Internacionais.

Fala: Español, inglés e alemán básico.

Europa é… unha mestura incrible de culturas, dende Shakespeare ata Cervantes, dende o monasterio de Rila ata o por de sol en Roque Nublo.

Blog: www.ignaciourquijo.wordpress.com

Twitter: @nachourquijo

Traductor

Sergio Janeiro (España)

Estuda / Traballa: Licenciado en Administración e Dirección de empresas.

Fala: Español, galego, inglés, italiano e portugués.

Europa é… un gran cóctel de cultura, idiomas, arte, música e xente!

Revisor

Magali Meijueiro (España)

Estuda / Traballa: Traducción e Interpretación e Inglés como segunda lingua (ESL ensinanza)

Fala: Español, galego, inglés, francés

Europa é… un continente de contrastes.

Author: Anja

Share This Post On

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

css.php

Se continúa a usar esta páxina está de acordo co uso de cookies. máis información

A configuración das cookies nesta web establecen “permitir cookies” para darlle a mellor experiencia posible. Se continúa a usar esta web sen cambiar a configuración das cookies ou se pincha no botón “Aceptar” de abaixo, entón está consentíndoo.

Pechar